Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 prepara unha fin de semana multitudinaria chea de música para despedir os seus máis de dous meses de propostas culturais

CartelACasaDoRockGoGoZo

O festival Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 ultima os preparativos para unha fin de semana multitudinaria no que a música será a gran protagonista. A celebración do décimo aniversario da Casa do Rock e as sesións da man de catro DJs poñerán o broche de ouro a máis de dous meses de propostas culturais en Monte do Gozo.

A actividade no recinto do festival comezará esta mesma tarde co ensaio da macroactuación prevista para mañá. Unha trintena de músicos achegaranse ao recinto de Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 entre as 17.00 e as 18.30 horas para realizar esta posta en escena previa. Unha ocasión que se aproveitará para dar a coñecer esta actividade no programa Quen anda aí?, de TVG.

Tras esta primeira sesión, mañá, a partir das 09.00 horas, comezará a montaxe para a macroactuación coa que se conmemorará o décimo aniversario da Casa do Rock. Máis de 250 persoas distribuiranse cos seus instrumentos por distintos puntos da praza para interpretar de modo simultáneo unha versión da canción de Neil Young Rockin’ in the Free World. Esta poderá escoitarse ás 12.30 horas.

Desde a organización de Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 ratifican, así, “a firme aposta deste festival polos creadores de Galicia. Ademais, é tamén a nosa forma de recoñecer o labor desenvolvido pola Casa do Rock durante todos estes anos, creando unha canteira musical de calidade”.

A actividade pretende marcar un fito que fará do recinto de Monte do Gozo o epicentro do talento galego. Alumnado e profesores do centro formativo compostelán, así como amantes da música, unirán os seus acordes para conmemorar esta década de rock. É por iso que animan a todas as persoas que lles guste a música para achegarse ao recinto para gozar dunha macroactuación sen precedentes. “As persoas que veñan gozar deste evento terán á súa disposición amplas terrazas desde as que poderán ver comodamente todo o proceso, desde a montaxe á posta en escena”, concretan desde a organización.

Carpa informativa da Dirección Xeral de Xuventude

Paralelamente, a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia achegará ata o recinto unha carpa informativa para ofrecer, de primeira man e de forma individualizada, asesoramento sobre os programas e medidas destinados á mocidade postos en marcha por este Departamento autonómico. Ademais, esta actividade tamén inclúe dinámicas participativas e formativas.

Sesións de catro DJs

Para ofrecer un peche redondo a estes máis de dous meses de actividades culturais, Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 ofrecerá tamén sesións musicais a cargo de catro DJs. A primeira delas será de carácter dobre: Pop Voyage DJ e Aveces DJ unirán o seu talento para ofrecer unha tarde chea de ritmos en grao sumo variado. Esta sesión a dúas bandas terá lugar entre as 18.00 e as 22.00 horas.

Será entón cando tome a testemuña Sara Mora DJ, que se encargará da música entre as 22.00 e as 00.30 horas, ofrecendo ritmos electrónicos. A súa actuación sumarase á aposta do festival en Monte do Gozo polos novos valores artísticos da comunidade, establecendo alianzas con distintos centros formativos. Non en balde, Sara Mora acaba de finalizar a súa formación na reputada academia Fanzine School, dinamizadores da escena cultural coruñesa.

A xornada de clausura do festival correrá a cargo de DJ Pabs, que actuará de 17.00 a 21.00 horas. Pablo Nogueira é unha das novas caras da música urbana en Galicia. Con residencia no «café-bar Praia Fluvial» e ampla experiencia en eventos de todo tipo desde 2017, ofrecerá unha sesión con ritmos bailables, que poñerán o broche á ampla programación ofertada desde Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 durante o verán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *