
Andamos á procura das bandas noveis máis prometedoras das academias de música de Galicia e Portugal. Considerades que a vosa pode ser unha delas? Non o dubidedes máis! Participade no XeneraSon Rock!.
Podedes formalizar a inscrición aquí entre o 16 de maio ao 15 de xuño. As bases do certame están dispoñibles nesta ligazón. Podes consultar tamén o backline premendo nesta outra ligazón.
Dende Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 continuamos coa aposta polo talento emerxente. Para isto, e en colaboración coa Xunta de Galicia e con Estrella Galicia, desenvolveremos este certame de bandas de música durante o mes de xullo.
Ofrecémosvos un escenario de calidade e tapado, dotado cun equipo de son profesional xestionado por persoal técnico de son e auxiliares. Todo a punto para que a vosa actuación sexa top!
Cancións en galego, versións de grandes temas e composicións propias formarán parte do voso repertorio. Tres profesionais pertencentes á industria musical formarán parte do xurado do XeneraSon Rock, sendo o seu veredicto inapelable.
O certame dividirase en dúas fases:
Semifinais: celebraranse entre os días 1, 2 e 3 de xullo. Cada agrupación terá a oportunidade de deleitar ao xurado cunha actuación dun máximo de 20 minutos (ou interpretando 4 temas).
Final: terá lugar o día 30 de xullo e participarán 6 agrupacións das que sairán as dúas gañadoras
Se a vosa banda é unha das dúas elexidas, poderedes gravar un EP nun estudo profesional. Ademais, poderedes actuar en festivais recoñecidos de Galicia.
Que máis se pode pedir? Agardámosvos no XeneraSon Rock!