Tras a excelente acollida dos anos anteriores, o festival Go!Go!Zo! regresa ao Monte do Gozo cunha ampla programación que se desenvolverá entre o 10 de xuño e 24 de setembro. O evento segue a apostar polas futuras promesas da música e vén de abrir as inscricións para a segunda edición do XeneraSon Rock.
“A diferencia da anterior, este ano abrimos o abano de posibilidades e pode participar calquera banda novel, coa única condición de que non teña contrato cun selo discográfico”, indican desde a organización do festival Go!Go!Zo!
As reservas -cun custo de 25 € por integrante da banda- deberanse formalizar a través de www.gogozo.gal antes do 15 de xuño. O repertorio deberá incluír cancións en galego, versións de grandes singles e composicións propias, que se interpretarán nunha actuación de 20 minutos e un máximo de 4 temas.
O II XeneraSon Rock desenvolverase en dúas fases: as semifinais (os días 23, 24 e 25 de xuño) e a final (o 15 de xullo). Un xurado profesional será o encargado de valorar as actuacións pasando á última fase 6 bandas. Desas 6, dúas serán as gañadoras e, como premio, poderán gravar un EP nun estudo profesional e actuar en dous dos festivais estivais de referencia en Galicia.
XeneraSon Camp
Outra das grandes novidades da terceira edición de Go!Go!Zo! será o desenvolvemento do XeneraSon Camp. Trátase dunha iniciativa transfronteiriza inédita que permitirá a mozos e mozas de Galicia participar nunha formación inmersiva dunha semana de duración na Escola do Rock Paredes de Coura. Esta colaboración entre o festival e o centro formativo luso, supón unha rebaixa no prezo desta proposta, que é de 165 € e inclúe todo (desprazamentos, manutención, formación e actividades complementarias).
“Agardamos que este novidoso proxecto sirva para que a nosa mocidade se anime a aprender máis sobre o eido musical da man de grandes profesionais, como os da Escola do Rock Paredes de Coura”, afirman desde a organización. O campamento formativo desenvolverase entre os días 16 e 22 de xullo, incluíndo diversos concertos nos que os mozos e as mozas participantes poderán aplicar todo o aprendido en rigoroso directo.
Ritmos no Camiño
Co gallo do 30 aniversario do primeiro Xacobeo, Go!Go!Zo! desenvolverá un programa do máis especial. “Ritmos no Camiño ofrecerá os 4 primeiros xoves de agosto sesións de picadiscos nas que se escoitará música dos países dos que proceden maior número de peregrinos”, concretan desde a organización do evento. Así, ofreceranse xornadas dedicadas a Portugal, Italia, Alemaña e Estados Unidos, aproveitando a elevada afluencia de camiñantes que o recinto do Monte do Gozo recibe todos os veráns.
Go!Zo!Jam!
E para seguir facilitando a proxección dos creadores e das creadoras do país, ofrecerase o ciclo Go!Zo!Jam! O escenario do festival será un espazo de encontro para artistas que queiran partillar a súa creatividade con outros músicos e músicas nunhas jam sessions gratuítas que se desenvolverán nas dúas primeiras fins de semana de setembro. O único requisito será a inscrición cun mínimo dunha semana e media de antelación a través dun formulario xa pendurado en www.gogozo.gal.
Ampla programación estival
Por outra banda, en Go!Go!Zo! non faltarán as actividades que xa se veñen desenvolvendo desde a súa primeira edición. Así, unha vintena de picadiscos amenizará as tardes e veladas do verán. Ademais, os nenos e nenas de 3 a 12 anos contarán con seu espazo da man da sección de Catividades, que ofrecerá inchables outras actividades de lecer en agosto e principios de setembro.
O deporte abrirá a programación do festival, cunha xornada o 10 de xuño. Esta mesturará unha exhibición do alumnado da Escola Pasito de Baile para despois continuar cunha Masterclass de Zumba, que congregará a 7 monitores e monitoras de distintos puntos de Galicia.
Tamén haberá unha xornada solidaria, que este ano se destinará ao Banco de Alimentos de Santiago. Non faltará o broche final ao festival cos combos musicais e coa macroactuación organizada por A Casa do Rock. Esta última conmemorará o 30 aniversario do Xacobeo 93 cunha versión dun tema de Bruce Springsteen, que actuou en Galicia durante ese Ano Santo.