Galicia é terra de grandes creadores e desde Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 sabémolo. Por iso, queremos darche a coñecer a nova edición do certame Xuventude Crea 2021. Convocado pola Consellería de Política Social, este concurso busca poñer en valor o talento da mocidade da comunidade autónoma.
Xuventude Crea 2021 está dirixido á poboación galega ou residente en Galicia de entre 16 e 30 anos, non profesionais, cumpridos neste 2021. Dado que as disciplinas artísticas son en grao sumo variado, establécense ata un total de 14 categorías. Estas son:
- Artes Plásticas: coas modalidades de pintura e escultura (neste último caso, a obra non poderá superar un peso de 50 quilogramos).
- Banda Deseñada (as obras serán orixinais e inéditas, con temática libre e os textos en galego e unha extensión mínima de 10 páxinas).
- Cociña (os traballos poderán ser individuais ou en parella e só admitirase unha receita -dun prato doce ou salgado- por participación. Deberanse utilizar un produtos con indicativo de calidade e orixe galegos ou avalados pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia).
- Creación de videoxogos (pódense presentar proxectos individuais ou en grupo -máximo de 5 integrantes- e admitirase que ata un 25% dos compoñentes supere os 30 anos. Os proxectos para PC ou MAC, de temática libre, consistirán nun prototipo funcional ou xogo completo con aspecto e calidade final. Serán inéditos, orixinais cos textos e audios en galego, excepto a banda sonora).
- Danza Moderna (inclúense as disciplinas de danza contemporánea, urbana, lírico e experimental. Os proxectos poden ser individuais ou en grupo -desde 2 a un máximo de 30 integrantes-. A duración da actuación non poderá superar os 5 minutos e a coreografía debe ser inédita).
- Deseño de Xoias (a colección deberá estar composta por 3 xoias orixinais e o remate das pezas deberase traballar en metal con pezas de xoiería, excluíndo a utilización de fornituras compradas).
- Fotografía (pódense presentar ata un máximo de 6 fotografías en cor ou branco e negro).
- Grafiti (presentaranse obras orixinais, inéditas e, se teñen texto, deberá estar en galego. A temática será libre e poderanse presentar traballos individuais ou en grupo -ata un máximo de 3 integrantes-).
- Moda (presentaranse coleccións orixinais e coherentes, con 5 modelos de home ou muller. Deberase definir o tecido utilizado así como os complementos para cada un dos modelos. Os deseños presentaranse en láminas A-3, con deseño de fronte e costas).
- Música (poderán participar tanto solistas como grupos de pop, folk, rock, hip- hop e demais variedades de música contemporánea. Admitirase que ata un 25% dos integrantes supere os 30 anos).
- Novela Curta (presentaranse obras orixinais, inéditas e en galego. A temática será libre. Presentarase unha obra realizada a computador, en tamaño 12 e a dobre espazo. Terá unha extensión mínimo de 80 páxinas e un máximo de 200, estando todas as follas numeradas).
- Poesía (presentaranse obras orixinais, inéditas e en galego. A temática será libre. A obra realizarase a computador en tamaño 12 e a dobre espazo. Terá unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100 e as follas estarán numeradas).
- Teatro (poderán participar grupos teatrais, non profesionais, compostos por persoas galegas ou residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Admitirase que ata un 25% de integrantes supere os 30 anos ou que teña entre 14 e 16. A duración da obra non superará os 90 minutos).
- Videocreación (presentaranse obras orixinais, inéditas e en galego. A temática será libre, aínda que se dará prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. A duración da obra será dun mínimo de 2 minutos e dun máximo de 8 e a súa realización deberá ser posterior ao 1 de xaneiro de 2020).
O prazo para a remisión de propostas finaliza o próximo 20 de agosto e débese tramitar preferentemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, co código do procedemento BS310 Q. Establécense tres premios por categoría (3.000 €, primeiro premio; 1.500 €, segundo, e 1.000 €, no caso do terceiro clasificado), ademais dunha mención de honra (sen dotación económica).
Podes consultar máis información tanto na orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 9 de xullo como na web www.xuventude.net.