As novas promesas teñen o seu espazo na programación cultural de Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22. Mañá terá lugar a primeira sesión dos Combos do centro formativo compostelán A Casa do Rock. Desde as nove e media da noite deleitarannos durante unhas dúas horas coas actuacións de cinco bandas nóveles, que ofrecerán tanto interpretacións de grandes éxitos da música como temas propios.
Serán un total de cinco os grupos nóveles que acudirán ao escenario cun repertorio que non deixará a ninguén indiferente, dada a súa ampla variedade de estilos. Así, o primeiro grupo será Rockaina, composto por alumnado e antigo alumnado da Casa do Rock. Na súa actuación, tal e como indican desde o centro formativo compostelán, “mesturaranse temas propios con versións de grandes grupos do Rock& Roll”.
A continuación, será a quenda dos músicos máis novos desta cita, The Ages. Compouesto por Adrián Valiño, María Iglesias, Icía Parcero, Cristian Segade e Laura Sanz, este grupo ofrecerá dous dos seus tres temas propios, así como unha versión do mítico Sweet Dreams de Eurythimics.
Seguiralles LauroCracia, unha banda de recente creación, pero cunha ampla traxectoria dentro da escola da Casa do Rock. Integrado por Joaquín Fernández, Manuel Villar, Javier López, Mariano Raskin/ Berni e Laura Sanz, interpretarán seis temas que variarán desde o Song 2 de Blur ata Un bico e unha flor de Nino Bravo.
O cuarto grupo desta primeira sesión de Combos da Casa do Rock será 5 Raspado. David Olañeta, Miriam Belo, Raúl Seoane e Eloy Xastre tocarán seis grandes versións, que farán as delicias das persoas asistentes.
Finalizará esta primeira sesión con Iván Pazo, Sofía Silva, Hiro Rodríguez e Antón Liñares, integrantes da banda Fly Away. Estas novas promesas da industria musical poñerán o broche de ouro con éxitos en grao sumo coñecidos.
Comezo con sesións DJ
O Festival Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 iniciou a semana pasada a súa ampla programación con catro sesións musicais. Estas correron a cargo de Rapariga DJ, A Gramola DJ e DJ Schulz. No repertorio incluíronse todo tipo de xéneros musicais, desde o Nu Rave ao Indie, Pop, Soul ou Rock. Unha ampla variedade de ritmos que fixeron as delicias das persoas asistentes.
Para completar esta semana, ofreceranse outras dúas sesións DJ. A primeira terá lugar o día 22 ás 17.00 horas e correrá a cargo de Saya DJ, mentres que a seguinte ofrecerase o sábado 24 de xullo a partir das 16.00 horas. Nesta ocasión, DJ Schulz subirá novamente ao escenario de Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 para deleitar aos asistentes coa súa música.
A última semana de xullo contará cunha nova sesión dos Combos da Casa do Rock, que empezará ás 22.00 horas o día 27. DJ Schulz encargarase de amenizar as tardes do xoves 29 e do venres 30 coas súas sesións musicais.
Entrada gratuíta
Todas as actividades previstas para este mes serán de carácter gratuíto. Xa para o mes de agosto, prevese que os concertos dos venres e sábados sexan de pago. A entrada custará 6 euros e poderase adquirir a través da propia web do festival www.gogozo.gal.
O resto de propostas, as sesións DJ, as actividades infantís e as actuacións que terán lugar os domingos 15 e 22 de agosto serán de carácter gratuíto. Desde Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 apostan por ofrecer unha ampla programación cultural apta para todos os gustos, idades e petos.
Toda a información actualizada poderase atopar en www.gogozo.gal e nos perfís en redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter). Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 conta co apoio da Xunta de Galicia e de Estrela Galicia.