Monte do Gozo converterase este verán no lugar de referencia cultural e de lecer a través do festival Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22. A súa completa programación cultural desenvolverase desde este mércores 14 de xullo ata o próximo 12 de setembro.
Queres saber cales son as bases das propostas? Desde a organización dinnos que “Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 ofrecerá durante os meses de verán unha completa programación cultural deseñada para todas as idades e gustos. Contaremos cunha media de entre 3 e 4 actividades por semana, en horarios tanto de tarde como de noite”. Como xa comprobarías no noso calendario, o programa divídese en tres temáticas: sesións DJ (en cor azul), música en directo (en amarelo) e actividades infantís (en rosa).
Pero aínda hai máis. Un dos principais obxectivos deste festival pasa non só para ampliar a oferta de lecer da que xa gozamos en Galicia, senón tamén por ser un fervedoiro de talento galego. Concertos de bandas consagradas -como Vos Amigos dos Músicos e Alberto Montero– e de artistas -como Mounqup e Moura– combinaranse coas novas promesas que buscan facerse un oco na industria musical galega. Así, Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 actuará tamén como lanzadeira tanto para grupos como para escolas ou asociacións culturais.
Primeiras sesións DJ
Os atardeceres tamén contarán coa presenza de reputados picadiscos que deleitarán ás persoas asistentes coas súas mesturas de ritmos. Rapariga DJ será a encargada de estrear o calendario de propostas culturais e de lecer en Monte do Gozo o 14 de xullo ás 17.00 horas, estendéndose a súa sesión ata as 20.00 horas. Continuará esta primeira semana con outras sesións DJ a cargo de A Gramola (xoves 15 e sábado 17, no mesmo horario) e DJ Schulz (venres 16 de xullo, de 16.00 a 19.00 horas), que coinciden coa celebración das primeiras actuacións de Son do Camiño-Perseidas.
Estas sesións musicais conformarán, como nos explican desde a organización, “o complemento perfecto para aquelas persoas que vaian asistir aos concertos de Son do Camiño- Perseidas. O noso festival será unha especie de escenario alternativo co que completar a experiencia en Monte do Gozo”.
Programa completo
Tras as sesións Djs desta semana, as propostas de Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 continuarán o martes 20 de xullo cos Combos da Casa do Rock, que se ofrecerán novamente o martes 27. Alumnado e profesorado deste centro mostrarán o potencial artístico das futuras bandas da industria.
O xoves 22 de xullo, nova sesión Dj con Saya Mohamed (de 18.00 a 21.00 horas) e o sábado 24, con DJ Schulz (entre as 17.00 e as 20.00 horas), que repetirá os días 29 e 30, tamén no mesmo horario. Rapariga DJ estreará tamén o calendario do mes de agosto cunha sesión o domingo 1 entre as 18.00 e as 21.00 horas. Abelvision DJ e A Gramola DJ amenizarán o sábado 7 e o domingo 8 de agosto de 17.00 a 20.00 horas.
As actividades infantís serán tamén protagonistas no mes de agosto da man de A Gramola Kids, que terán lugar os días 5, 17, 19, 24 e 26 de agosto en horario de tarde. As propostas para os máis pequenos continuarán os días 2, 7 e 9 de setembro. Tamén se complementarán cos concertos de Dani Barreiro & Friends Kids (10 e 12 de agosto).
Música en directo
Os concertos serán outro dos pratos fortes de agosto. No cartel estarán presentes grupos como Os Amigos dos músicos e Allova (13 de agosto); Habana Café Son (días 15 e 22, co complemento das exhibicións da Academia Sondanza e Ray Isaac Colectivo Danzón, respectivamente); Oh! Ayatollah! (20 de agosto, que compartirá cartel con DJ Rafa Morcego); Alberto Montero (o 21 de agosto, que se complementará con DJ Pop Voyage) e Moura (27 de agosto).
Para o 3 setembro se reserva a actuación de Mounqup, que se complementará coa sesión DJ de Saya Mohamed. Un completo calendario cultural para facer do verán unha experiencia inesquecible.
Xa sabes que podes consultar toda a información actualizada nesta web www.gogozo.gal e nosos os perfís en redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter). Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 conta co apoio da Xunta de Galicia e de Estrela Galicia.