OH! AYATOLLAH

OH! AYATOLLAH

Un dos pratos fortes de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 será Oh! Ayatollah, que saltará ó escenario o venres 20 de agosto.

Esta banda compostelá reclama a ampla etiqueta pop como propia, intentando con isto apelar á sinxeleza, así como afastarse da diferenciación demasiado específica que consiga desvirtuar a súa mensaxe e a súa música. Así, este pop enténdeno como unha forma de acer e de vivir a música, que pon en primeiro lugar as cancións e as emocións que transmiten.

Oh! Ayatollah está composto por cinco integrantes. Simon Cuba, á bateria e coros; Nuno Pico, voz e sintetizador; Anaís Fernández, guitarra e coros; Xoel Xeada, guitarra e coros, e Andrés Real, ó baixo e coros. A súa discografía, que saiu á luz por primeira vez en 2017, conta con cinco singles e un LP.

Na súa traxectoria musical destacan diversos recoñecementos. En 2017, o seu primeiro videoclip Mi Re La, ganou o premio do xurado do Festival de Cans. Un ano despois, a revista Mondosonoro seleccionou Volve a canción protesta como un dos discos do 2018 en Galicia. Tamén, en 2018, foron finalistas do premio Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais da Deputación da Coruña e formaron parte da terceira edición da compilaciónGalician Bizarre. En 2019 foron candidatos ó mellor grupo na categoría pop/indie dos Premios Martín Códax da Música.

A súa proposta musical busca emocionar a toda persoa que os estea escoitando: como unha banda sonora da festa dun xoves pola noite, como medicina para un corazón desfeito, cando sentes asco polos teus amigos ou como himno xeracional cando parece que se acerca o fin do mundo. En calquera desta circunstancias, as cancións de Oh! Ayatollah queren ser vividas, bailadas, choradas e cantadas a pleno pulmón.

Porque como reza o seu lema, “pase o que pase, o mellor é que nos pille cantando xuntos”.