Saltar ao contido

GO!GO!ZO!

Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 inicia unha intensa semana chea de concertos, sesións musicais e exhibicións

amigosdosmusicos_allova_GoGoZoFestival

Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 dá comezo hoxe a unha semana repleta de concertos, sesións musicais e exhibicións. Os grandes protagonistas serán a banda Os Amigos dos Músicos e a artista Allova, que ofrecerán o venres 13 de agosto a partir das 22.00 horas.

amigosdosmusicos_allova_GoGoZoFestival

As entradas para esta velada están á venda a través da web e teñen un custo de 8,90 euros. Desde a organización animan a todas as persoas ás que lles gusta a boa música a adquirir os seus tickets para “gozar de dous concertos que non lles deixarán indiferentes”.

Os Amigos dos Músicos é unha das bandas galegas máis veneradas pola crítica. Os seus temas, que buscan reflectir a herdanza folk galega achegando a súa propia personalidade, creando unha música chea de contemporaneidade.

Pola súa banda, Allova é un proxecto vangardista de música Indie/Pop-Electrónico con toques de Trip- Hop. Ofrecerá ao público asistente unha mestura de sons electrónicos e beats que se suman aos acordes dos instrumentos e á voz. Unha proposta en grao sumo sorprendente.

Esta intensa semana en Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 dará comezo esta tarde cunha actuación dirixida aos máis pequenos da casa. Dani Barreiro & Friends Kids ofrecerá dous concertos esta semana, un hoxe e outro o xoves. Ambas as sesións empezarán ás 20.00 horas e son de carácter gratuíto.

Sesións musicais e exhibicións

A fin de semana continuará o sábado 14 de agosto co ambiente musical a cargo de DJ Pop Voyage. Comezará a súa sesión ás 18.30 horas e estenderase ata as once da noite. Durante este tempo picaranse distintos estilos musicais como indie, funk, pop, electrónica, jazz, rock ou mesmo bossanova. Esta actividade é tamén de balde.

DJ Pop Voyage repetirá sesión na xornada do domingo 15 de agosto, de entrada libre, animando o ambiente entre as 13.30 e as 15.00 horas. Será entón cando empece unha actuación marcada polos ritmos cubanos de raíz e os mellores movementos.

O consagrado trío de músicos Habana Café Son desembarcará en Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22, entre as 15.00 e as 16.30 horas, cun repertorio no que rescatan xéneros tan populares como o son, chachachá, bolero, guaracha ou danzón. A súa música estará complementada por unha exhibición da Academia Sondanza. O centro compostelán especializado en danza e dirixido por Raquel Pombar mostrará o seu bo facer ante o público do festival. Será unha pequena mostra de todo o que se pode aprender nas súas sesións formativas.

Toda a información actualizada poderase atopar en www.gogozo.gal e nos perfís en redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter). Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 conta co apoio da Xunta de Galicia e de Estrella Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *