Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 estrea a primeira sesión do programa ‘Novas Músicas en Galego’

PresentacionNovasMusicasEnGalegoGoGoZo

As Novas Músicas en Galego terán tamén o seu espazo en Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22. O festival que se está a celebrar en Monte do Gozo acollerá este venres 3 de setembro as actuacións de Mounqup e Saya DJ.

A presentación desta proposta musical tivo lugar hoxe á mañá no Pazo de San Roque. Nela participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; un integrante da organización de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22, Julio Asorey, e a artista Mounqup.

“O festival en Monte do Gozo é o mellor escenario para inaugurar o ciclo Novas Músicas en Galego. Con esta iniciativa, queremos poñer en valor o talento das persoas que fan creatividade en galego. É unha forma de usar a nosa lingua dun xeito lúdico, natural, e sen ter medo a trabucarse. Coma todo, un idioma apréndese a base de utilizalo”, explicou Valentín García.

Así, o escenario de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 acollerá este venres 3 de setembro o concerto de Mounqup (ás 22.30 horas) e dúas sesións musicais a cargo de Saya DJ (ás 21.15 e ás 23.40 horas). A entrada será de balde, previa reserva, por motivos de organización e seguridade, a través da web www.gogozo.gal.

García salientou o feito de que “ambas as dúas artistas usen o galego para trunfar. E precisamente unha das funcións do noso programa Novas Músicas en Galego é poñer de manifesto o bo facer creativo na nosa lingua”, concluíu.

Firme aposta polo talento galego

Pola súa banda, Julio Asorey agradeceu o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística a Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22. “Este festival naceu co firme propósito de apostar polos artistas galegos e pola posta en valor do bo facer das nosas persoas creadoras, e así o vimos demostrando dende o pasado 12 de xullo. A inclusión deste ciclo -engadiu- vén reforzar esa liña na que queremos seguir a traballar no futuro”.

A presentación deste ciclo tamén contou coa presenza de Mounqup. A artista amosou a súa satisfacción pola posta en marcha do ciclo Novas Músicas en Galego, xa que contribúe a reforzar a creatividade na nosa lingua.

Artistas participantes

Mounqup é o alter ego de Camille Hèdoin e caracterízase polos ritmos de música jazz, electrónica e folk das súas composicións. Nacida en Rouen (Francia) con orixes francoitalianos ecostamarfileños pero galega de adopción, esta artesá do son leva dende os 15 anos participando ca súa voz en distintas bandas.

Foi en Galicia onde comezou a xogar con loops e samplers, creando composicións que funcionan como un collage de texturas, formas e cores e que teñen como resultado a paisaxe sonora de Mounquop, o seu proxecto artístico. Conta xa con dous discos e está a traballar nun terceiro, que verá a luz en breve. Ademais, foi tamén a impulsora da recuperación da aldea de Saumede (Ourense) como un punto de convivencia cultural onde cada verán xestiona un festival multidisciplinar.

Orixinalmente Saya Mohamed Matar/سجى, Saya DJ sitúase no panorama musical actual galego como unha DJ multixénero que se nutre das súas raíces e bebe de diversas vertentes tanto culturais como artísticas. As súas sesións están marcadas polas “músicas del mundo”, con xéneros como afrobeats, afropop, afrohouse e afrotrap, dabke árabe, funk brasileño, reggaeton, kuduro, gqom, amapiano, etc.

A súa traxectoria levouna a picar en diferentes locais de Santiago como o lendario LaRadio Pub, ademais de A Medusa Pub, Bar Embora, Besbello Bar Cultural e Modus Vivendi. Tamén participou en eventos como o Mercado da Estrela, Bombo a Negras, La Sra Está Muerta e as TardiNHas, ou en centros sociais como o CSA do Sar e o CSA Aturuxo das Marías. Toda a información actualizada pódese atopar en www.gogozo.gal e nos perfís en redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter). O festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 conta co apoio da Xunta de Galicia e de Estrella Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *