Saltar ao contido

GO!GO!ZO!

O festival Go!Go!Zo! leva actuacións de bandas noveis a 3 albergues do Camiño Francés

GoGoZoNoCamino

Go!Go!Zo! leva a súa cuarta edición á rúa. “Este ano quixemos traspasar as fronteiras do Monte de Gozo e levar a música a pé de albergue. Ademais, incorporamos máis xornadas deportivas ao noso programa”, explican desde a organización. A programación prevista para este ano estenderase ata o 22 de setembro e conta con variadas propostas para todos os públicos.

“No noso ADN levamos o pulo ás bandas noveis de Galicia, dándolles a oportunidade de protagonizar concertos ante diverso público. Precisamente por iso, organizamos a xira Go!Go!Zo! no Camiño, con tres concertos de combos musicais en tres albergues do Camiño Francés. Unha iniciativa coa que pretendemos enriquecen aínda máis a experiencia que ofrece a peregrinación a Compostela”, detallan desde a organización.

Máis concretamente, o Go!Go!Zo! no Camiño desenvolverase nas localidades de  Melide, Ribadiso e Sarria os xoves 4, 11 e 18 de xullo, respectivamente. “Esta proposta supón unha gran oportunidade para que as bandas noveis que saen das academias de música poidan amosar o seu talento ante un variado público. Interpretarán grandes éxitos do rock e outros temas -propios ou versionados- en lingua galega”, engaden.

Así, na xornada desde xoves 4 actuarán no Albergue San Antón de Melide as bandas Electrodoss e Shower Hell, mentres que o vindeiro 11 de xullo o albergue Los Caminantes de Ribadiso (Arzúa) acollerá un concerto de Q.D.L. Finalizará este ciclo o 18 de xullo no Glamping & Camping Vila de Sarria con Rocke Experience e ParaZmol. Os concertos celebraranse en horario de 19.00 a 21.00 horas.

Novas Músicas en Galego

Esta iniciativa encádrase dentro do programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística Novas Músicas en Galego, que pretende dar pulo ao talento novel da comunidade autónoma. Ademais das propostas a pé de albergue, cómpre salientar tamén a macroactuación que porá o broche ao festival e que se desenvolverá o 22 de setembro. Nela, centos de amantes da música interpretarán versións en galego de temas como Salvaxe (Born to Be Wild, de Steppenwolf); Resistir (Holiday, de Green Day), ou Believer, de Imagine Dragons.

Xornadas deportivas

Outra das novidades da cuarta edición do festival pasa pola firme aposta polo deporte. A fin de semana do 7 e 8 de setembro, a a Federación Galega de Baloncesto (FEGABA) celebrará o campionato Go!Go!Zo! Basket 3×3, que congregará á mocidade amante desta disciplina. Ademais, contará co speaker do Obradoiro CAB, que porá a voz e a música a un torneo que se complementará con outras actuacións e sorpresas. As inscricións -de balde- xa se poden formalizar a través da web da entidade www.fegaba.com.

A estas xornadas deportivas cómpre sumar as xa tradicionais masterclasses de zumba. De feito, o pasado sábado celebrouse unha xornada na que participaron ata 8 monitores e monitoras desta disciplina. Esta tarde de lecer e deporte incluíu tamén unha exhibición do alumnado da Escola Pasito de Baile.

Ritmos do Camiño

Tras a boa acollida da pasada edición, Go!Go!Zo! retoma o ciclo Ritmos no Camiño cun total de 6 sesións de picadiscos durante os sábados de agosto e setembro. “As persoas que se aloxen no albergue do Monte do Gozo terán a oportunidade de escoitar música de países como Estados Unidos, Alemaña, Italia, ou Portugal, que se atopan entre os principais puntos de onde proceden os camiñantes estranxeiros”, concretan desde a organización.

Os picadiscos -sinal de identidade do festival- continuarán tamén durante todo o verán, especialmente nas fins de semana. Durante as dúas fins de semana de xuño, Go!Go!Zo! acolleu varias sesións de DJ Pop Voyage, que ofreceu veladas temáticas con músicas dos 80s e 90s e outras con ritmos máis variados.

Revenidas Miúdo e Catividades

As nenas e os nenos seguirán contando cun espazo de seu dentro de Go!Go!Zo! coa sección de Catividades, que ofrecerá os mércores de xullo, agosto e principios de setembro tardes de lecer nas que non faltará un inchable acuático. Estas propostas, cuxa celebración estará suxeita ás condicións meteorolóxicas, son de balde e están abertas a menores de entre 3 e 12 anos.

Tamén para as crianzas, o Revenidas Miúdo regresará ao Monte do Gozo con máis forza. Ofrecerase unha completa xornada de lecer para toda a familia o domingo 28 de xullo. O programa concreto deste día desvelarase en breve.

Xornada solidaria

Finalmente, a solidariedade seguirá a estar presente en Go!Go!Zo! coa xornada do 15 de setembro. Nesta ocasión, centrarse en Aldeas Infantiles SOS Galicia, que desenvolve o seu labor no seu centro de acollida en Redondela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *