Saltar ao contido

GO!GO!ZO!

Bandas de Galicia e norte de Portugal amosarán o seu talento esta fin de semana nas semifinais do certame XeneraSon Rock

Cartel Semifinais XeneraSon Rock

O festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 acollerá este sábado 1 e o domingo 2 de xullo desde as 20.00 horas as semifinais do certame XeneraSon Rock. O concurso, que pretende pór en valor o talento das futuras promesas do eido musical, contará con bandas noveis de Galicia e do norte de Portugal.

“Trátase dunha ocasión única para descubrir o bo facer da nosa mocidade e daquelas bandas nacidas no seo das academias de música tanto da comunidade autónoma coma do país veciño. Así que animamos a todas as persoas amantes da música a que se acheguen esta fin de semana ao noso festival para gozaren dun certame que non vai deixar a ninguén indiferente”, indican desde a organización de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22. As agrupacións participantes “terán a oportunidade de tocar nun escenario de calidade e cuberto, dotado dun equipo de son profesional e xestionado por un equipo técnico dedicado a facer a posta en escena o máis parella á realidade dun festival”, concretan.

Cada unha das bandas participantes terán ata 20 minutos para gañarse ao xurado profesional. Para iso, deberán tocar no seu repertorio cancións en galego, versións de grandes temas e composicións propias.

“Para valorar as actuacións contaremos con tres profesionais pertencentes á industria musical, entre os que se atopa Moncho Lemos”, concretan. O certame será presentado por Diego Viaño, de TVG.

Complemento con sesión DJ

Tras cada unha das semifinais de XeneraSon Rock, ofrecerase unha sesión musical. Esta correrá a cargo de DJ Daasanach, que amenizará a velada con outro tipo de ritmos, máis achegados aos son tropicais. A entrada tanto para as semifinais como para esta sesión DJ será de balde.

A fase final, o 30 de xullo

Das bandas participantes, serán 4 as que pasen á fase final, que terá lugar o vindeiro 30 de xullo. O veredicto do xurado será inapelable.

Dous serán os grupos vencedores e o premio constará da gravación dun EP nun estudo profesional e da participación nos festivais de As Revenidas e nos Atardeceres do Gaiás. “Unha oportunidade única para darse a coñecer entre o público”, aseguran desde a organización de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22, que agradece a colaboración de ambos os dous festivais nesta iniciativa.

Fin de semana do máis variada

Dentro da programación de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 celebrouse a ponte do San Xoán con actividades do máis variadas. O xoves 23 ofreceuse unha primeira xornada de cultura xamaicana a través do GoZo Station. Esta cita contou coa presenza do Soundsystem e de grandes artistas como Mexican Stepper e The Navigator, ademais de Stepwizer e a agrupación U.D.O.G. GoZo Station regresará ao Monte do Gozo os vindeiros 15 de xullo e 27 de agosto. Pola súa banda, o sábado 25 de xuño ofreceuse unha tarde-noite moi completa.

En primeiro lugar, máis dun cento de persoas gozaron cos bailes e música da Masterclass de Zumba e coa exhibición da Academia Pasito de Baile. A continuación, deuse paso ao espectáculo do alumnado da Escola do Rock Paredes de Coura, que fixo en Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 unha das paradas dentro do seu tour estival. As persoas asistentes amosáronse moi sorprendidas coa calidade da proposta presentada, na que non faltaron os grandes éxitos do rock de todos os tempos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

X