Saltar ao contido

GO!GO!ZO!

artista 1

OS AMIGOS DOS MÚSICOS

OS AMIGOS DOS MÚSICOS

O escenario de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 acollerá o próximo 13 de agosto a actuación de Os Amigos dos Músicos. Nacida en Ourense, esta formación está composta por experimentados músicos procedentes de outros grupos e tradicionais como Niño y Pistola, Blood Filloas, O Sonoro Maxín, Annie Hall, Haecceidad ou Cinnamon Gum. Recoñecida como unha das bandas galegas máis veneradas pola crítica, os seus temas buscan reflexar a herdanza folk galega- dende Suso Vaamonde e Batal´´an ata Bibiano- aportando a súa propia orixinalidade e personalidade.

Neste sentido, chegouse a definir esta agrupación como “un tratado sublime de como facer música chea de contemporaneidade, enfilando con exquisita sutileza e con exemplar naturalidade as emocións apreendidas aquí e alá. Do que nos é máis próximo das sonoridades chegadas dende o outro lado do mar, pero ás que, en absoluto, somos alleos”.

A banda está composta por seis integrantes. Estes son Jaime Mateo (batería, percusións, teclado, omnichord, sintetizadores e voz); Arcadio Nóvoa (guitarra eléctrica, guitarra eléctrica de 12 cordas, saxofón alto e tenor, percusións e voz); Raúl Diz (guitarra eléctrica, guitarra eléctrica de 12 cordas, guitarra acústica, guitarra clásica, ukelele, banjo, baixo, teclado, piano, sintetizadores, percusións e voz); Daniel Alonso (guitarra acústica, omnichord, percusións e voz); Druso L. Pedrouzo (Teclado, piano, guitarra eléctrica, sintetizadores e voz), e Álvaro A. Rivera (baixo, percusións e voz).

Os Amigos dos Músicos lanzou en 2019 o seu segundo disco, Segundo fogar (Todomedre, 2019), con dez novos temas gravados en Santiago e cos que seguen buscando remover a canción popular galega. Trátase dunha obra colectiva na que todos compoñen e cantan, e na que as letras se sitúan no primeiro plano, pero sen deixar de lado paisaxes instrumentais que viaxan dun lado ao outro do Atlántico. A forza da palabra e das historias está apoiada por sonoridades nas que se atopan tradicionais musicais diversas. As guitarras de 12 cordas e os omnichords combínanse cos adufes e as mandolinas, nun diálogo no que Os Amigos dos Músicos manteñen a súa pescuda das melodías e os ritmos que fan da canción popular un segundo fogar ó que sempre queremos volver.